O Camiño da Estrela
Escritos de Galicia (en Galego)
sobre eses poemas e lendas
Estiven en Galicia en algunhas ocasións. Morei en Galicia por dúas veces. Unha en 1992 e outra en 1996. Vivín en Santiago de Compostela. Percorrín a pé camiños, estradas e carreiros que, xuntos, ben deben sumar máis có Camiño Francés de Santiago. E durante unha semana, entre Ponferrada -no Bierzo- e Compostela, andei canto puiden o meu propio Camiño da Estrela. Vivín en Santiago de abondo para ter calcado case todas as rúas, lousadas de pedra e de memorias antigas, e algunhas delas repetidas unha e outra vez. Pro foi nas aldeas e nos camiños delas onde vivín a experiencia da miña Galicia profunda.
leia maisNas aldeas de Brión, preto do Camiño que vai de Santiago ao cabo Finisterrae e, de maneira especial, nas aldeas da parroquia de Santa María de Ons, convivín as longas horas dos moitos días de quen desexa encontrar e ouvir, entre o viño, o silencio, os ruídos da natureza e a palabra, as persoas, as pedras, os tempos, os xestos, as escenas que van dun voo de gaivota a unha festa do santo padroeiro, e mais as memorias dunha xente cos cabelos prateados so boina negra e chapeo de palla. E elas acabaran sendo a substancia de case todo o que escribín aquí. Quero lembrar agora os seus nomes de aldeas: Ons de Abaixo, Fonteparedes, A Igrexa, Pazos, Salaño Pequeno e Salaño Grande.
Velaí porqué os poemas en prosa, ora curta, ora longa, e as lendas que criei dos mitos que oín contar falan tanto de Deus como dos homes. Falan de seres que mesmo agora parecen vir doutro tempo. Palabras, oídas algunhas, lembradas por min outras, que desexan vir de outras eras para os tempos de agora.
Algúns de persoas e dos seus libros ou palabras que recordan lecturas sen as que eu non tería escrito o poema que elas e eles finalizan.
Carlos Rodrigues Brandão
Campinas, outono de 2007